martes, 22 de maio de 2012

MANIFESTACIÓN CABALAR O 10 DE XUÑO EN BAIONA

O próximo día 10 de xuño, Manifestación en Baiona, a cabalo e a pé.
Pola defensa do noso patrimonio natural e cultural dos cabalos salvaxes e a festa dos curros.
Hai solucións distintas ás propostas pola Xunta de Galicia. Hai interese e necesidade de regular dun xeito acaído, a vida e control dos cabalos salvaxes, sen que supoña a súa extinción e/ou eliminación progresiva, como pretende a Xunta co seu Decreto Equino, que non soluciona nada e si provoca máis problemas dos que hai hoxe.
No diálogo, no entendemento entre as partes e nun equilibrio entre os intereses lexítimos de tódolos implicados,  está a solución, e non en imposicións que non axudan a ninguén.
Diálogo si, imposicións non. O microchip non soluciona nengún dos problemas que existen,  e si agrava e deteriora o delicado estado da vida dos cabalos salvaxes e os seus propietarios.
O domingo día 10 de xuño, non haberá curro en Mougás. Concentraránse os cabalistas e a xente que acompañe a pé, no Campo dos Bolos de Baíña, a carón do grupo escolar, para baixar pola estrada ata a Virxe da Rocha, atravesar Baiona e subir, de volta, pola estrada de Baíña por trás da gasolineira. Rematará nunha concentración no curro de Mougás, sobor das 13,30 h. onde non se celebrará o curro, mais si a concentración de cabalistas e xente que apoia a festa dos curros e os nosos cabalos salvaxes.
Contamos que a xente apoie,  e mande manifestos e o seu apoio, xa sexa persoalmente ou de grupos e de asociacións.
Este problema non se resolve con imposicións e si con un diálogo que varias asociacións da provincia de Pontevedra xa lle propuxemos á Xunta en varias reunións, e da que sÓ recibimos o rechazo e a imposición do microchip como fórmula, segundo eles, para acabar co problema.

Pola defensa da nosa cultura e do noso patrimonio natural e cultural.
Non ao microchip, si ás marcas tradicionais.
Si ao regulamento e identificación dos animais.
Si ao entendemento entre comuneiros e propietarios
Si ao mantemento dunha raza moi nosa que está en perigo de extinción.
Si a existencia de cabalos salvaxes e o seu control racional por zonas.
Si a diversidade e funcionalidade dun animal que é bo para o ecosistema no que vive.
Si ao mantemento da Pura Raza Galega en liberdade.
Si ao control veterinario e xenetico a prol dos animais.
Si a festa dos curros, sen violencia e con respecto aos animais.
Si ao mantemento das tradicións dos curros  e a súa adaptación a criterios de sostenibilidade.
Si ao control por asociacións reguladas e rexistradas.
Si ás marcas tradicionais e a identificación de tódolos animais, con seguros colectivos das asociacións  e dos propietarios.
Si a prevención e a responsabilidade compartida polas partes implicadas.
Si ao control dos ilegais e dos animais sen marcar.
Si a colaboración, non as imposicións.


Ningún comentario:

Publicar un comentario